Presente actualmente en máis de 124 países, a Campaña Mundial pola Educación (CME) nace no ano 2000 como unha coalición internacional formada por ONG, sindicatos educativos, centros escolares e movementos sociais para a defensa do dereito humano á educación.

A CME vela para que os gobernos cumpran os seus compromisos nacionais e internacionais e que ningunha persoa quede atrás na realización do seu dereito á educación. Porque a educación é a ferramenta de transformación máis poderosa que existe para promover os dereitos humanos, acabar coa pobreza e construír sociedades máis cohesionadas, sustentables, pacíficas e inclusivas.

Ver infografía A Educación e os ODS

En Galicia, a Coalición da CME está integrada por:

A nosa causa pola Educación

No ano 2000 a comunidade internacional aprobou os 6 Obxectivos de Dakar da iniciativa Educación para Todos (Dakar, 2000) co fin de promover en 2015 unha educación de calidade para todas as persoas ao longo de toda a vida. Ao tempo, as Nacións Unidas recoñeceron nos Obxectivos do Milenio (ODM) a necesidade de garantir que todos os nenos e nenas do mundo finalizaran un ciclo completo do ensino primario (ODM 2) e a eliminación da desigualdade de xénero no ensino primario e no secundario antes de 2015.

Ver infografía Axenda global de Educación

Aínda que desde o ano 2000 se teñen producido avances en educación moi notables en todo o mundo, aínda queda moito camiño por diante para conseguir a universalización da educación e a erradicación plena do analfabetismo. Por exemplo, reduciuse nun 40% o número de nenas e nenos sen escolarizar no mundo. Cando a CME nace no ano 2000, máis de 113 millóns de nenos e nenas non ían á escola. En 2019, esta cifra reduciuse a 61 millóns.

Actualmente, 263 millóns de nenos, nenas, adolescentes, mozos e mozas de todo o mundo seguen sen estar escolarizados, a súa maioría na África Subsahariana. Destes, 61 millóns están en idade de cursar o ensino primario, 60 millóns en idade de cursar o primeiro ciclo de secundaria e 142 millóns en idade de cursar o segundo ciclo do ensino secundario. Todos eles precisan que a súa voz se escoite.

Neste contexto, no ano 2015 gobernos de todo o mundo renovaron o seu compromiso coa educación, marcando unha nova ruta a seguir para o cumprimento da Educación para Todos e Todas: a Axenda 2030 de Educación, que inclúe a Declaración de Incheon (Corea, 2015) e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). En particular, o ODS4 céntrase en “garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade, e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida para todos e todas antes de 2030”.

Datos destacados

  • 263 millóns de nenos e nenas e persoas mozas están sen escolarizar.
  • 57 millóns de nenos e nenas de primaria non van á escola.
  • 75 millóns de nenos e nenas viven en países en conflito e precisan de apoio educativo.
  • 131 millóns de rapazas e mozas están sen escolarizar.
  • 4 millóns de nenos e nenas refuxiadas non van á escola.
  • Son necesarios 69 millóns máis de docentes para acadar a educación universal en primaria e secundaria.
  • 4 de cada 10 nenos e nenas sen escolarizar nunca irán á escola.
  • O 54% dos nenos e nenas sen escolarizar viven en África subsahariana.
  • 274 millóns de nenos e nenas escolarizados en primaria non aprenden os coñecementos e habilidades básicas.
  • Nos países empobrecidos o 40% dos nenos e nenas con diversidade funcional están fóra da escola.
  • Son necesarios 30.000 millóns de dólares extra anuais para conseguir a escolarización universal en primaria e secundaria.
  • 1 de cada 4 persoas mozas nos países empobrecidos é analfabeta.

As nosas actividades

Semana de acción mundial pola educación

Desde 2001, a CME mobiliza á cidadanía coa celebración da Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME) para reclamar o cumprimento íntegro dos compromisos internacionais en prol dunha educación gratuíta, equitativa e de calidade para todas as persoas do mundo. Durante esa semana no mes de abril, os 124 países integrados na CME celebran actividades de sensibilización, mobilización e incidencia para chamar a atención sobre a necesidade de facer real e efectivo o dereito a unha educación de calidade para todos e todas no mundo. En 2019, a CME logrou mobilizar a 14.000 persoas en toda España e a 27 millóns en todo o mundo.