Actualidade

Xa estamos en marcha! Primeiro encontro do Programa de formación de activistas xuvenís polo dereito á educación


Este curso 2019/2020 a Campaña Mundial pola Educación (CME) en Galicia pon en marcha a primeira edición do Programa de formación de activistas xuvenís polo dereito á educación, unha iniciativa pioneira de educación transformadora para o cambio social que se desenvolverá até o mes de maio.

Os días 17 e 18 de xaneiro botou a andar o Programa coa celebración do primeiro encontro formativo en Santiago de Compostela coa participación de catorce mozos e mozas de entre quince e dezanove anos e tres docentes dos centros educativos IES Agra do Orzán (A Coruña), IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela) e IES de Vilalonga (Sanxenxo) e das tres universidades galegas.

Esta primeira xornada de formación tivo como principais obxectivos favorecer o coñecemento e a confianza entre as persoas participantes a través do traballo en equipo.  Durante dous días, os futuros activistas xuvenís realizaron un programa intenso de actividades baseadas na aprendizaxe experiencial que os conseguiron motivar e inspirar para actuar como un equipo cohesionado e eficaz no que realizarse como persoas que comparten valores, conviccións e a paixón por construír un mundo mellor.

Durante as vindeiras xornadas de formación, o alumnado e profesorado participante aprenderá a planificar e poñer en práctica unha campaña de incidencia en defensa do dereito humano á educación. Ademais, recibirán formación sobre oratoria e expresión artística para o cambio social.

Esta primeira edición culminará coa celebración de diversos actos de incidencia polo dereito á educación para todas as persoas ante as institucións públicas galegas locais e autonómica, actos que estarán deseñados, organizados e protagonizados polos activistas participantes no Programa.

A Campaña Mundial pola Educación en Galicia está formada polas ONGD Axuda en Acción, Educo, Entreculturas e Taller de Solidariedade e conta co financiamento da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Máis información do Programa aquí