Traballo en equipo, coñecemento persoal, Axenda 2030 e activistas xuvenís: bases para un activismo formado, informado e empoderado
A segunda xornada de formación do programa de formación de activistas xuvenís polo dereito á educación, organizado pola Campaña Mundial pola Educación (CME) de xeito pioneiro en Galicia, centrouse no coñecemento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e na introspección e reflexión persoal das nosas fortalezas e valores desde a análise de referentes como Malala ou Greta Thunberg.
Os días 31 de xaneiro e 1 de febreiro discorreu a segunda xornada de
formación do programa de activistas xuvenís organizado pola agrupación da CME
en Galicia. Baixo o paradigma do círculo persoa-grupo-tarefa e, tras un primeiro
encontro centrado principalmente nas expectativas persoais e colectivas e no
traballo en equipo, nesta segunda xornada abordáronse principalmente tres cuestións.
A primeira, o marco da nosa actuación como activistas da CME, a través do coñecemento
da Axenda 2030 de Desenvolvemento Sustentable, así como dos dezasete ODS. Incidencia
especial tivo, neste contexto, a análise polo miúdo do “ODS 4: Educación de calidade”
e as súas metas, que nos servirán de referencia para a organización dos actos
de incidencia a organizar dentro do Programa e das actividades da CME 2020.
Desde aí, abordáronse os principais problemas educativos a nivel global e os
que nos afectan a nivel local, nas nosas contornas e centros de estudos. Sorpresivamente,
estas problemáticas aseméllanse bastante. Descubrimos que a falta de equidade, inclusión
e calidade na educación non son problemas globais soamente, senón que afectan á
nosa educación cotiá. Profesorado e alumnado desmotivado, poucos recursos
tecnolóxicos, pouca orientación e atención de calidade ao alumnado, desorganización,
instalacións deficitarias, alumnado marxinado, prexuízos sociais, alto grao de
fracaso escolar, programas pouco adaptados e aprendizaxe de relativa calidade,
itinerarios pechados, corporativismo excesivo no profesorado, aulas masificadas,
etc. afectan cada día aos centros educativos nos que as e os activistas realizan
os seus estudos.
Unha segunda parte do encontro centrouse no coñecemento da figura de varios
activistas, que deu pé posteriormente a análise introspectiva de cada un e cada
unha das activistas que participan no programa. Comezamos por Malala a través
do documental “El chamoume Malala”. A partir das fortalezas, emocións e medos
de Malala, os e as activistas traballaron e descubriron as súas propias. Co
debate “Greta Thunberg: activista ou márketing?” reflexionouse dun xeito crítico
a súa figura, cuestionando e analizando a polémica arredor dela e o acoso mediático
do que é vítima actualmente. Máis aló da súa acción e convencemento, que papel
están a xogar os intereses económicos e mediáticos na configuración ou
descomposición da súa persoa e da súa causa. Esta actividade deunos pé a
traballar un dos aspectos máis importantes para un activista: os valores e
principios morais.
Rematamos o día co testemuño de Kamal Aldalati, refuxiado sirio e estudante
de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Kamal falou sobre a súa
propia historia de fuxida dunha guerra sen tregua, da súa situación forzosa de
refuxio e de activismo de servizo e de loita pola liberdade no seu país. Así
mesmo, falou da importancia da educación poder ofrecer ao mundo o mellor dun
mesmo. Aínda que Kamal nunca pensara en ser activista, as circunstancias do
conflito no seu país levárono a tomar unha decisión. “Eu nunca pensaba que ía
estar nun hospital de campaña, rodeado de cadáveres, de xente ferida, de tantas
persoas que sufrían por se manifestar pacificamente”. Tamén lanzou unha mensaxe
de esperanza para os e as activistas do programa de formación: “Ser mozo non é
escusa para non traballar por algo. Hai que crer en algo para loitalo, pero hai
tamén que estar formados e informados para saber como facelo. Non é suficiente
con vontade, por moi boa que esta sexa”