Actualidade

Escolares piden no Parlamento de Galicia compromisos políticos para defender a educación e medidas para coidar o Planeta


A Campaña Mundial pola Educación (CME) en Galicia vén de organizar un acto no Parlamento de Galicia no que alumnado de cinco centros de ensino tiveron a oportunidade de manter un encontro cos parlamentarios e parlamentarias no Pazo do Hórreo. As persoas voceiras da CME e dos centros escolares pediron o apoio das Administracións Públicas na defensa da educación en todo o mundo e o compromiso coa sustentabilidade ambiental do noso Planeta.

En 2019, o lema da CME é “Defendemos a educación, sostemos o mundo”. Nesta liña, as voceiras escolares leron un manifesto a través do que lembraron á clase política galega que “a educación é a mellor ferramenta para formar unha cidadanía consciente das causas e consecuencias do cambio climático” e que é necesario “dotala dos coñecementos, competencias e actitudes necesarias para buscar solucións”. Informaron, ademais, das medidas que nos seus centros educativos están a tomar para combater este grave problema e solicitaron que as leis educativas inclúan horas dentro do currículo escolar galego para tratar estes temas.

Por parte do Parlamento galego, o seu presidente, Miguel Santalices, deu réplica aos estudantes asegurando tomar nota das súas peticións e asegurando tratar de levar adiante algunha das súas peticións.