Actualidade

Activistas xuvenís polo dereito á educación diagnostican que o ODS 4 non se cumpre na súa integridade no sistema educativo galego


A falta de motivación do profesorado e do alumnado e mais una eiva na titoriación e na orientación académica e emocional do alumnado, entre as principais problemáticas detectadas nos centros de ensino galegos. Esta conclusión extráese do traballo de identificación e selección de problemas educativos realizado polas persoas participantes no programa de formación de activistas xuvenís polo dereito á educación da CME Galicia.

Os días 28 e 29 de febreiro celebrouse a terceira xornada formativa do programa de activistas xuvenís polo dereito á educación en Santiago de Compostela. Esta sesión xirou principalmente arredor das estratexias para a detección, análise e selección das problemáticas educativas sentidas polo alumnado e o profesorado galego participante no programa de formación. A través de diferentes actividades e dinámicas, as persoas participantes fixeron un traballo de identificación e selección dos problemas relativos á educación percibidos nos seus centros de ensino. Este traballo deu como resultado unha batería ampla de problemáticas que ían desde a falta de motivación entre o profesorado e o alumnado e o fracaso e abandono escolar, pasando pola percepción de falta de medios e instalacións axeitadas ou a existencia de programas de estudos inabarcables, obsoletos e non adaptados á realidade dos centros educativos nin do alumnado.

Unha das principais conclusións deste encontro foi a coincidencia en moitas das problemáticas existentes no sistema educativo galego e percibidas polo alumado e polo profesorado. Aínda que con diferenzas en función dos contextos socio-económicos, os ámbitos e os propios centros educativos, con peculiaridades e circunstancias propias, moitas das problemáticas coinciden dun xeito abafador. Estes problemas coincidentes teñen que ver, sobre todo, coa falta de motivación e vocación do profesorado; a falta de motivación e desinterese do alumnado; unha eiva na titorización e na orientación, tanto académica e profesional como sobre todo emocional, do alumnado; a existencia de programas de estudos, contidos e metodoloxías académicas inabarcables, obsoletas, desactualizadas, pouco útiles e non adaptadas á realidade; así como unha falta na coordinación e organización do profesorado e dos diferentes departamentos ou áreas de estudo, feito este último que repercute directamente na percepción dunh experiencia de aprendizaxe para o alumnado pouco positiva.

Tras a selección dos problemas a partir dunha serie de criterios como a relevancia do problema, a percepción que este está a ter pola comunidade educativa ou as posibilidades de solución do mesmo, valoráronse en equipos as posibles causas e solucións a cada un deles. Finalmente, como en todo proceso de incidencia, realizouse unha análise dos centros de poder aos que acudir para solucionar cada un dos problemas, ademais das persoas e grupos de aliados, opoñentes e indecisos aos que solicitar apoio ou tratar de neutralizar ou convencer no seu caso no proceso de incidencia.

Rematou a xornada formativa coa formación das comisións de traballo, coas que se concreta parte do plan de acción de incidencia, que culminará nas seguintes sesións coa formación nalgunhas das estratexias para unha incidencia política eficaz: a oratoria e a expresión artística para o cambio social.

Aínda que a maior parte do tempo xirou en torno á selección dos problemas educativos, tamén houbo tempo para facer traballo en equipo e dinámicas grupais, analizar os sentimentos, revisar os valores e traballar as etiquetas e os prexuízos sociais, aos que como activistas pero tamén como persoas temos que estar atentas e evitar se queremos facer deste mundo un lugar máis amable e solidario.

Aviso: Debido á actual situación de estado de alarma decretado polo Goberno español provocado pola COVID-19, a formación de activistas xuvenís polo dereito á educación queda suspendida ata novo aviso.