Actualidade

Activistas vigueses mobilízanse por un mundo máis sustentable no marco da Campaña Mundial pola Educación


A Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME) contou en Galicia coa celebración dun acto de sensibilización e incidencia política no Colexio Apóstolo Santiago de Vigo, no que participou alumnado e profesorado do colexio anfitrión e máis dos centros educativos San Xosé da Guía e Miralba, tamén de Vigo.

O acto contou coa presenza do alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, a quen as activistas dos centros educativos presentes fixeron chegar as súas reivindicacións e peticións solicitando ao rexedor do concello o seu apoio e o da súa administración na defensa da educación, así como un compromiso real e efectivo coa sustentabilidade ambiental.

Ademais da lectura do manifesto da Campaña Mundial pola Educación, onde reivindicaban medidas concretas para asegurar o coidado medioambiental, o alumnado participou nunha actividade de sensibilización xogando a un scrabble especial no que, con letras elaboradas con material reciclado, crearon palabras vinculadas aos conceptos de educación e ecoloxía.

Pola súa parte, Abel Caballero, que estreaba con este acto presenza pública tras gañar as eleccións municipais, animou ás e aos escolares a defender o planeta e lembrou a súa etapa na Mariña Mercante, etapa na que “aínda os océanos estaban limpos de plásticos. Agora debemos loitar todos e todas por un mundo máis sostible”, dixo aos preto de 200 escolares reunidos no pavillón do Colexio Apóstolo Santiago.