Actualidade

A educación vivida antes e durante a pandemia da COVID-19 por activistas xuvenís


A pesar da interrupción do proceso de formación por mor da declaración do estado de alarma, as e os activistas xuvenís e as profesoras participantes realizaron un diagnóstico relativo á súa experiencia como estudantes e educadoras nos seus centros educativos de secundaria e nas Universidades públicas galegas.

Este diagnóstico identificou nos meses de febreiro e marzo unha serie de problemáticas comúns previas ao impacto da pandemia. En agosto, ao reactivarse o proceso formativo, este diagnóstico actualizouse coa súa experiencia e aprendizaxes durante a suspensión da actividade educativa presencial. 


Estas son as principais conclusións deste diagnóstico que os activistas xuvenís.


Experiencia educativa antes da pandemia


  1. A desmotivación do profesorado aféctanos porque percibimos como a falta de vocación, interese e actualización nas metodoloxías de ensino e nos contidos tradúcense en escasa implicación, confianza mutua, comunicación, preocupación, empatía, proximidade e apoio ao alumnado. Pero tamén hai profes que son “puntos de luz” e un referente para nós. 
  2. Os programas de estudo son inabarcables, nalgúns casos están desactualizados, non responden aos nosos intereses e os contidos non teñen conexión coa actualidade que vivimos. Ademais, séguese apostando pola aprendizaxe memorística e pouco polo traballo real en equipo e foméntase o individualismo e a competitividade a través da avaliación excesiva a través de exames e probas. O sistema de avaliación produce segregación e fracaso escolar ao centrarse exclusivamente nas notas e non nas capacidades e habilidades de cadaquén, separando entre as persoas que aproban e as que suspenden. Tamén nos gustaría contar con maior liberdade á hora de escoller o noso itinerario académico.

  3. Gústanos participar naqueles programas, iniciativas, charlas, xuntanzas e actividades que nos motivan á colaboración e á cooperación. Participamos e implicámonos nestas actividades porque aprendemos de forma máis práctica, experiencial e dinámica. Queremos que estes proxectos e actividades estean abertos á participación de todo o alumnado que teña interese e que sexan suficientemente promocionados e comunicados nos nosos centros educativos.


    Experiencia educativa durante a pandemia


    1. A desorganización, descoordinación e confusión por parte do profesorado. Mandáronos demasiados traballos á vez e con instrucións contraditorias. Sentimos moito abafo e percibimos todo o que nos pasou como un caos.
    2. A pouca flexibilidade e comprensión por parte dalgún profesorado, que nalgúns casos foron demasiado esixentes.

    3. Evidenciouse a falta de oportunidades, medios e recursos dalgún alumnado como a carencia de conexión á rede ou computadora, o limitado apoio na casa, a falta de material educativo, etc.

    4. Moito profesorado esforzouse para que, a pesar da distancia, o contacto co alumnado se sentise como moi próximo.
    5. O profesorado que xa era empático e amosaba preocupación polo alumnado antes da pandemia mostrou humanidade, proximidade, compromiso, adaptación, flexibilidade e motivación. Foron profes “seres de luz” que aclararon dúbidas e nos axudaron a alcanzar as metas.