Formación de activistas polo dereito á educación
Na Campaña Mundial pola Educación (CME) compartimos un soño: que o dereito a unha educación gratuíta, pública e de calidade sexa unha realidade para todas as persoas e ao longo de toda a súa vida.
A pesar dos grandes avances conseguidos a nivel mundial, aínda quedan moitos desafíos pendentes. Unicamente conseguiremos superalos coa suma de esforzos dos gobernos, a sociedade civil, as ONG, os centros educativos, os profesionais da educación, os estudantes e todas as persoas comprometidas co dereito humano á educación.
A CME está firmemente convencida de que a mocidade galega debe liderar a reivindicación de máis e mellor educación para todas as persoas. Desde 2003 tense mobilizado polo dereito á educación. Pero sabemos que podemos facelo mellor para que sexan protagonistas reais e voz comprometida do cambio que promovemos. Para que se convertan, en definitiva, en auténticos embaixadores e embaixadoras do dereito á educación.
Velaquí o sentido de levar a cabo este programa de formación de activistas xuvenís polo dereito á educación. Unha aventura de heroes e heroínas pola educación na que queremos contar contigo.
Que ofrecemos
-
Un proceso innovador de formación de activistas xuvenís polo dereito á educación con tres obxectivos:
- Deseñar e executar unha campaña de incidencia en favor da educación.
- Formar en creatividade, traballo en equipo, oratoria, ciberactivismo, arte para o cambio social, etc.
- Conseguir cambios positivos en favor da educación no instituto, en Galicia e no mundo.
- Un proceso formativo integral co fin de capacitar e apoderar aos e ás estudantes para que se convertan en activistas conscientes e críticos capaces de defender publicamente unha causa xusta.
- Un proceso baseado na “Viaxe dos heroes e heroínas polo dereito á educación. Guía para a formación de activistas xuvenís polo dereito humano á educación”.
- Un proceso formativo gratuíto certificado pola CME Galicia de 75 horas de duración e financiado integramente pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia.
Para quen
Alumnado de secundaria e bacharelato de centros públicos
- Entre 14 e 17 anos
- Con motivación e gañas para cambiar o mundo
- Con compromiso de asistencia a todas as sesións do proceso
- Que superen o proceso de selección: inscrición e carta de motivación
- Que conten coa autorización das familias
Docentes de secundaria e bacharelato
- Que coñece ou ten participado previamente nas actividades da CME
- Comprometido/a coa educación transformadora e para o cambio social
- Que coñece ao seu alumando e con habilidades para o acompañamento
- Que cre no liderado e apoderamento xuvenil
- Con dispoñibilidade para a asistencia a todas as sesións do proceso
-
Motivado/a para desenvolver as seguintes responsabilidades
- Xestionar as autorizacións, compromisos de participación, cartas de motivación, avaliacións, etc., que se demanden desde a CME.
- Actuar como enlace do grupo de estudantes e o centro educativo coa CME.
- Orientar, guiar, motivar e animar ao grupo durante as sesións.
- Participar como observador/a do proceso formativo e achegar feedback ao equipo de persoas facilitadoras e mais ao alumnado participante.
- Formarse para desempeñarse no rol de persoa facilitadora en edicións posteriores.
1º edición. Curso 2019-2020
Calendario de actividades
-
Outubro a decembro 2019
Presentación do programa nos centros educativos. Selección do alumnado. Compromisos de participación dos centros, do profesorado e do alumnado. Encontros e autorizacións das familias.
-
Xaneiro a marzo 2020
- Formación intensiva en 3 fins de semana residenciais (de venres tarde a sábado tarde).
- 3 xornadas formativas intensivas (venres pola tarde ou sábado) cunha duración de cadansúas 6 horas en: oratoria, ciberactivismo e novas narrativas dixitais, expresión artística polo cambio social.
-
Abril-maio 2020
Preparación e celebración dos actos de incidencia da Semana de Acción Mundial pola Educación (SAME) en Galicia.
-
Maio 2020
Acto público de fin de curso e entrega de diplomas ás persoas participantes no programa.
Durante todo o curso, realizarase un acompañamento e seguimento activo co grupo no centro educativo por parte do equipo dinamizador do proxecto.
O noso equipo
O proceso estará dirixido por persoas expertas en procesos educativos xuvenís e por persoal técnico das ONG integrantes da CME Galicia.
O equipo de docentes desenvolverá un labor de mentoría coas seguintes funcións:
- Ser o enlace do programa cos centros educativos (estudantes, equipos directivos, familias).
- Participar activamente no curso e apoiar aos mozos e mozas para que consigan os resultados de aprendizaxe.
- Achegar a súa experiencia, coñecemento e habilidades ás persoas facilitadoras.
- Achegar información, guieiro e consello aos e ás estudantes.
- Acompañar aos mozos e mozas activistas nos seus centros educativos.
Condicións de seguridade e benestar
- A realización do programa de formación no centro educativo estará autorizado pola dirección do mesmo.
- O alumnado participante estará acompañado en todo o proceso por polo menos un/ha docente do seu centro educativo.
- Todas as persoas participantes estarán cubertas por un seguro de responsabilidade civil e accidentes.
- Todas as persoas adultas participantes estarán obrigadas a cumprir cos requirimentos da Lei Orgánica 8/2015 de 22 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, en relación ao traballo educativo con menores.
- Para a difusión do proxecto teranse en conta as pautas comunicativas, publicidade e uso de imaxes do Código de Conduta das ONGD da Coordinadora Galega de ONGD. Nas autorizacións das familias tamén se solicitarán os permisos para o emprego de imaxes das persoas menores participantes no proxecto.
- Todas as persoas adultas asinarán un Código de Conduta específico co fin de asegurar a seguridade e benestar das persoas menores participantes.
- Todas as persoas menores e as súas familias asinarán un Código de Conduta específico.
O noso equipo
Sandra Rodríguez
Nos últimos 14 anos, Sandra acompañou procesos de participación xuvenil e educación para a solidariedade de grupos de mozos e mozas e docentes de centros educativos galegos. Esta experiencia reafirmou a súa convicción de que é posible construír outro mundo posible a través da educación. Na actualidade desexa seguir ofrecendo oportunidades para a realización solidaria e vital das persoas ás que acompaña.
Sandra é diplomada en Traballo Social e licenciada en Xornalismo, estudos que cursou en Santiago, cidade na que vive actualmente. Formouse ademais en temas relacionados coa inserción sociolaboral, a xestión de entidades sociais, o liderado e a innovación. Amante dos retos, a súa verdadeira vocación son as persoas. Gústalle motivar, orientar e sacar o mellor delas.
Realizou traballos relacionados coa intervención social e o traballo social, e impartiu docencia de Traballo Social Comunitario e Grupal na Escola Universitaria de Traballo Social da Universidade de Santiago de Compostela. Despois dunha experiencia de voluntariado internacional en Chile, decidiu apostar polo traballo no eido da solidariedade e a xustiza global. A oportunidade chegoulle da man de Entreculturas, ONG de desenvolvemento, na que coordinou en Galicia o programa da Rede Solidaria da Mocidade desde a súa creación en 2004. Con Entreculturas, ademais, coñeceu o poder da educación para cambiar a vida das persoas en Perú e Nicaragua.
A Sandra encántalle ler, fixarse moito nos detalles e “bruxulear” polo mundo máis próximo e o máis afastado. Gustaríalle dedicarse á escritura algún día e falar varios idiomas. Valora, por riba de todo, a integridade e a autenticidade nas persoas e ser feliz coas pequenas cousas que a vida ofrece cada día.
Xosé Luis Pastoriza
Actualmente Xosé Luís é profesor no Departamento de Filosofía e Antropoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, na que se licenciou en Filosofía e na que obtivo un Mestrado en Desenvolvemento Local. Ao tempo, traballa no eido da consultoría social especializado en planificación estratéxica e avaliación da política pública de cooperación para o desenvolvemento.
Persoa inqueda, creativa e apaixonada, gústalle explorar, descubrir e entusiasmarse. Tras dun período investigando para a súa tese de doutoramento, decidiu especializarse en solidariedade e xustiza global. Grazas a unha bolsa que lle concedeu a Fundación Barrié realizou un Mestrado de ONGD e Desenvolvemento na London School of Economics and Political Science.
Ao seu regreso a Galicia traballou na Coordinadora Galega de ONGD e na Fundación Entreculturas como técnico de proxectos e técnico de educación. Como consultor e investigador ten traballado para a Xunta de Galicia, Mans Unidas, Entreculturas, a Campaña Mundial pola Educación, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a Coordinadora Galega de ONGD ou a Rede Galega de Cooperación Universitaria para o Desenvolvemento. Firme convencido de que a Filosofía serve para a vida e que serve para mellorar a vida en común, aproveita calquera oportunidade para eloxiar a utilidade das “inútiles” Humanidades.
A Xosé Luís gústalle moito viaxar e pasar tempo coa familia. Os seus ideais pasan porque reinase o sentidiño e que as persoas sexan cosmopolitas con raíces porque cre na capacidade que todos e todas temos para cambiar a nosa vida e o noso mundo. Valora o silencio, os afectos e o coidado das persoas por riba de todo.
Abel Caballero
Abel é técnico superior en Animación Sociocultural, ademais de Monitor e Director de Tempo Libre pola Escola Galega de Tempo Libre. Actualmente, traballa como animador cultural do Concello de A Laracha e ata hai pouco foi técnico de xuventude e cultura do Concello de Monfero.
Abel leva cada día á práctica a súa vocación de ser facilitador de cambio, promovendo e exercendo activamente a participación social. Emprendedor nato, fundou en 2014 a súa propia empresa, Abeloni Actividades Socioculturais, desde a que coordina múltiples servizos de animación, organización de campamentos e actividades de lecer para todas as idades, ademais de contar coa súa propia escola de tempo libre, desde a que se ofertan cursos propios acreditados relacionados co lecer. Foi presidente da Asociación de Comerciantes e Empresarios Boulevard Elviña de A Coruña e directivo da Federación Unión de Comercio Coruñesa.
Gran defensor do potencial da educación non formal no desenvolvemento comunitario, ten dirixido numerosas formacións ao longo destes anos relacionadas co voluntariado, o teatro, o tempo libre, a educación para o desenvolvemento ou a dinamización de grupos. Conta, ademais, con tempo para ofrecer aos demais, tratando de aportar á sociedade todo o que pode. Colaborou con Cáritas e desde 2004 é voluntario da ONGD Entreculturas, apoiando multitude de actividades sociais e sendo un dos principais promotores do programa educativo Rede Solidaria da Mocidade desta entidade.
A Abel apaixónalle o teatro, acadando premios nacionais de Teatro Grecolatino na súa etapa estudantil no IES Elviña da Coruña, pero tamén a maxia e as motos. Cre que as persoas están moi por riba do material e que o cariño e o respecto da xente ten un valor incalculable.
Alejandro Calviño
Álex é técnico superior en Administración de Sistemas Informáticos en Rede, ademais de Monitor de Tempo Libre, título oficial que acadou coa Escola de Tempo Libre Don Bosco de Santiago de Compostela.
Fixo da súa vocación pola tecnoloxía a súa profesión, traballando actualmente en Plexus, unha empresa galega socialmente responsable dedicada ao deseño, desenvolvemento e instalación de aplicacións e sistemas informáticos.
Outra das súas grandes paixóns é a música, á que lle dedica moita enerxía e grande parte do seu tempo libre. É titulado profesional de música na especialidade de percusión polo Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela. Ademais de ser membro activo da Banda da Escola de Música de Rianxo desde que tiña 13 anos, coa que ten acadado varios premios en festivais e certames musicais. Ten colaborado tamén con diversos grupos de música como o da Escola Estudio de Santiago ou o o Combo de Jazz da Escola de Música de Rianxo.
A pesar da súa xuventude, conta cunha longa traxectoria no mundo do voluntariado social e de cooperación. Durante os seus estudos de secundaria e bacharelato formou parte activa do grupo solidario do seu centro de ensino, o IES Xelmírez I de Santiago de Compostela, colaborando en numerosas actividades de voluntariado e de sensibilización. Desde 2014 é voluntario da ONGD Entreculturas en Santiago, desde onde está especialmente implicado na área de formación e voluntariado.
Ademais da música e a tecnoloxía, a Álex apaixónalle a educación e, sobre todo, axudar aos demais. É desas persoas que sempre está a disposición do que faga falta. Valora por riba de todo aos seus amigos, cos que intenta pasar todo o tempo que pode.
Beatriz Varela
Bea é na actualidade a responsable da delegación en Galicia da ONG Axuda en Acción, organización na que comezou realizando labores de voluntariado.
É unha apaixonada da innovación e do emprendemento social. Despois de licenciarse en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade Antonio de Nebrija de Madrid, completou a súa formación acadando varios títulos de posgrao nas áreas do emprendemento social, a responsabilidade social e a innovación en diversas universidades como a UOC ou a Universidade da Coruña en colaboración coa Cátedra Inditex. Ademais, tivo a oportunidade de realizar un Mestrado en Emprendemento Social na Hult Internacional Business School (San Francisco, EE.UU.) tras recibir unha bolsa de posgrao da Fundación Barrié.
Ten deseñado iniciativas de sustentabilidade e creación de oportunidades de emprego para persoas con diversidade funcional no departamento de responsabilidade social de Galega de Economía Social (actual COGAMI), grupo empresarial de inserción laboral para persoas con diversidade funcional. A nivel internacional tamén participou en proxectos para empresas sociais e ONG internacionais como Kiva, Uncharted Play e Fénix International.
A Bea gústalle moito gozar da compaña da familia e dos bos amigos, ir á praia e ver o mar, pero tamén tocar o piano e ver series na televisión (encántanlle!) Gustaríalle saber cantar e sería feliz se ao seu arredor ninguén sufrira. Valora a diversidade cultural, a tolerancia e o respecto e, para ela, na educación está a base de todo.
Lorena Boga
Actualmente, Lorena traballa na área de Acción Social e Educativa de Axuda en Acción en Galicia, desde onde coordina proxectos de intervención socio educativa e de sensibilización social.
É Educadora Social e técnica superior en Integración Social, titulacións que acadou en A Coruña, a súa cidade actual de acollida, aínda que ela é de Santa Comba. Tamén fixo un Mestrado en Políticas Sociais e Intervención Socio-comunitaria, especializándose nas áreas de xénero e envellecemento e transformacións familiares.
Xunto a cinco compañeiras, creou a Asociación Simbiose, unha organización dirixida a establecer relacións de sinerxías entre persoas e entidades da cidade de A Coruña. Actualmente, desenvolve na asociación traballos relacionados coa organización de actividades vinculadas a entidades sociais locais ou co fomento da participación local, especialmente da poboación civil que conta con menos oportunidades de participación.
Ten desenvolvido diferentes proxectos a nivel internacional en Portugal e Polonia relacionados co deseño de investigacións e coordinación de proxectos de voluntariado, así como en Ecuador, a onde se trasladou a realizar unha experiencia de voluntariado da man de Axuda en Acción e na que desenvolveu labores de sensibilización sobre os dereitos da infancia.
Lorena desfruta viaxando “por aquí e por acolá”, pasando os domingos en familia e probando centos de pratos de diferentes culturas. Encantaríalle chegar a facer algún día a riquísima tortilla da súa nai e, como boa educadora social, soña con que todas as persoas poidan gozar dunha educación de calidade, crítica e apoderadora. Para ela é importantísimo o coidado persoal como eixe para coidar o que nos rodea, así como pasar tempo cos seus seres queridos e a “diversidade como o espertar das olladas”.
